25/01/2012 Despois de analizar a documentación relativa ao presuposto municipal recibida o pasado luns, ao Partido Popular gustaríalle destacar varias formulacións do Goberno Local cos que non nos mostramos de acordo.
Chámanos a atención o afán recadatorio en concepto de multas. A previsión do Goberno Local é aumentar a recadación nada máis e nada menos que 400.000 € con respecto aos últimos anos (no presuposto 2012 a recadación de multas alcanza 1.300.000 €, fronte aos 900.000 previstos nos 2 últimos exercicios), o que supón polo tanto un incremento de case un 45%.
Dende o Partido popular rexeitamos de plano esta pretensión xa que non supón un aumento da seguridade viaria. É unha medida meramente recadadora que ademais nos impoñen no peor momento posible, como todos sabemos
Por outra parte, o informe de intervención denuncia que un ano máis, o Concello inclúe entre os ingresos previstos 370.000 € en concepto de Taxa a empresas de telefonía móbil, a pesar de que non se recadou nin un só euro dende hai dous anos ao estar impugnada a legalidade desta taxa ante os tribunais de xustiza. Polo tanto, resulta evidente que o Goberno está a inflar o presuposto considerando un ingreso aínda sabendo que non o vai recadar.
O informe de intervención sinala tamén que o gasto que experimenta o maior incremento é o que vén derivado dos servizos públicos que a administración local ten privatizados, como o servizo de recollida de lixos; contrato de abastecemento de auga; contrato de servizos de limpeza... etc. Estamos polo tanto ante un goberno que critica a externalización de servizos noutras administracións, pero logo as aplica na súa xestión.
Para o Partido Popular o presuposto presentado reflicte a "ilusión financeira" na que está sumido o goberno, que meses atrás falaba da posibilidade de solicitar un crédito de 24 millóns de euros. Ilusión que foi disipada pola crua realidade contable, pois un crédito desta magnitude supoñería un aboamento anual por parte das arcas municipais de 2,5M€, algo inasumible nestes momentos.
Polo tanto, o Grupo Municipal do PP presentará mañá as súas emendas ao presuposto na Comisión de Economía (fixada para as 12:30h.)
[continua...]
[continua...]
[continua...]
[continua...]