Domínguez celebra os 263M€ que a Xunta destina á cidade de Pontevedra nos Orzamentos 2025

Pepa y Rafa sobre los presupuestos de la Xunta para Pontevedra
19 octubre, 2024

  • “O Goberno de Alfonso Rueda reforza a súa aposta por mellorar Pontevedra; cuns investimentos récords e históricos para a nosa cidade en materia de sanidade, vivenda, servizos sociais e educación pública e gratuíta”
  •  O executivo autonómico investirá 97M€ en obras estratéxicas para a cidade: a finalización do Novo Montecelo, a construción de vivenda de promoción pública, a rehabilitación do IES Valle-Inclán e outros centros educativos, o dragado do Lérez, a restauración do Convento de Santa Clara, a apertura da nova residencia da Eiriña, a remodelación da residencia de Campolongo ou a mellora do CGTD

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado da concelleira Pepa Pardo, celebrou os 263’2 millóns de euros que se recollen no proxecto de Orzamentos que a Xunta de Galicia destinará á cidade do Lérez no ano 2025.

As obras do hospital Novo Montecelo volve destacar no capítulo de investimentos (97M€), cos 30M€ para a execución da primeira fase do plan de investimentos para a posta en servizo, que se suman aos 41,2M€ destinados ás obras que rematarán no vindeiro ano.

“Despois de investir 240M€ entre 2022 e 2024, a Xunta reforza a súa aposta por Pontevedra; cuns investimentos récord e históricos para a nosa cidade en materia de sanidade, vivenda, servizos sociais e educación pública e gratuíta”, afirmou o líder do PP local antes de referirse a outras actuacións relevantes como os 9’36M€ para a construción de vivenda de promoción pública ou os 3’6M€ para o dragado do río Lérez, á espera de que o goberno central desbloquee a súa tramitación.

Outro tema estratéxico, e de gran impacto local, son as principais actuacións nos centros educativos da cidade por un montante total de 7M€. A Xunta licitou 2M€ para a finalización das obras do IES Valle-Inclán, 800.000€ para a ampliación da EEI Concepción Crespo Rivas, 650.000€ para os traballos no CEIP Froebel e 292.000€ para a eficiencia enerxética no CIFP Carlos Oroza.

Unha das partidas económicas que máis ilusiona a Domínguez son os 1’5M€ que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adicará á restauración do Convento de Santa Clara para “cumprir coa folla de ruta” marcada polo convenio asinado, a principios de 2024, entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

O portavoz municipal participou este venres na presentación dos orzamentos do conselleiro José López na cidade, onde tamén se destacaron os 560.000€ para a reparación da cuberta da ábsida e nas fachadas da basílica de Santa María a Maior e os 300.000€ destinados ás obras de conservación do santuario da Virxe Peregrina.

No apartado de Política Social, os orzamentos da Xunta permitirán a apertura da nova residencia pública de maiores da Eiriña, que a Fundación Amancio Ortega entregará o 30 de outubro para poñer en marcha nos primeiros meses de 2025 con 112 prazas e 110 empregos directos. Tamén farán posible o remate da remodelación integral da residencia de maiores de Campolongo, para o que se contempla unha partida económica de 1’5M€.

O fomento do transporte público é unha vella reivindicación do xefe dos populares na cidade, que aplaude a decisión do Goberno galego de aumentar o orzamento de mobilidade un 65’3% para actuacións de mellora e conservación de paradas e estacións de autobuses, material de transporte, mellora da accesibilidade e mobilidade sostible.

Outros investimentos contemplados no proxecto de Orzamentos 2025: 1’5M€ para o Pazo de Lourizán, 1M€ para a mellora do edificio administrativo da Xunta, 650.000€ para reformas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, 177.000€ para a actuacións no polígono do Campiño, 123.000€ para a remodelación dos xulgados da Parda e a continuación da obra da senda Mollabao-Praceres.