Domínguez comprométese cos veciños de Lourizán a incidir nas súas problemáticas ante o “illamento” do BNG

26 febrero, 2025

  • O líder da oposición: “Unha mágoa comprobar o mal estado dos camiños municipais, a ausencia de roza, a escasa recollida do lixo e outros problemas derivados da irrelevancia á que Lores somete aos barrios e ás parroquias”
  • O presidente do PP contrapuxo a “ausencia total de investimentos” do Concello de Pontevedra coa aposta decidida da Xunta de Galicia por reformar a estrada vella de Marín e mellorar o proceso de depuración da EDAR de Os Praceres

O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, comprometeuse cos veciños de Lourizán a incidir nas problemáticas recorrentes que afectan ao benestar e a seguridade dos residentes da parroquia pontevedresa, ante o “illamento” do Goberno local do BNG.

Durante o seu percorrido co concelleiro Martín Martínez, Domínguez constatou diversas deficiencias en infraestruturas viarias e servizos básicos que, segundo afirmou, evidencian o abandono da zona por parte do Concello de Pontevedra: “Unha mágoa atopar os camiños municipais en mal estado, a falta de roza, a escasa recollida do lixo e outros problemas derivados da irrelevancia á que Lores e o BNG someten aos barrios e ás parroquias”.

Un dos puntos críticos sinalados polo xefe da oposición é a Rúa do Santo, onde os residentes denuncian que, durante os episodios de choivas intensas, como sucedeu semanas atrás, a acumulación de auga lles impide a entrada e saída das súas vivendas con normalidade. Esta situación, que se repite con certa frecuencia durante o inverno, pon en risco a seguridade e o benestar dos habitantes da contorna.

Así mesmo, na súa visita ao lugar de Caritel, puido comprobar o “deterioro” dos camiños municipais, que presentan un estado de abandono notorio. Os veciños manifestaron a súa preocupación pola falta de cumprimento do Concello en materia de mantemento, o que dificulta a mobilidade e pode chegar a causar accidentes.

O líder do PP local lamentou a “ausencia total de investimentos” durante os 25 anos do actual Goberno municipal, destacando a necesidade urxente de intervencións para mellorar a calidade de vida dos residentes en Lourizán.

En contraposición, Domínguez defendeu as actuacións emprendidas pola Xunta de Galicia, como a obra de mellora do proceso de depuración de augas residuais da EDAR de Os Praceres, considerada a mellor obra de enxeñería galega entre 2022 e 2023, e o proxecto de reforma da PO-546 (estrada vella de Marín). Dúas iniciativas que responden ás “necesidades históricas” da comunidade e melloran a calidade de vida dos veciños, dende Mollabao ata a contorna urbana de Lourizán.