Juncal, ante o inicio da temporada 25/26: “Os clubs necesitan un regulamento obxectivo para garantir o reparto equitativo das horas de uso das instalacións deportivas municipais”

5 septiembre, 2025

  • O PP esixe ao BNG a redacción do primeiro Plan Director de Instalacións Deportivas de Pontevedra, rexeitado polo goberno local no anterior mandato a pesar das queixas dos clubs e deportistas da cidade
  • Os populares lamentan tamén a escaseza de instalacións deportivas municipais ou a dificultade de atopas as que existen en óptimas condicións: “Son poucas e o mantemento é escaso, o que xera graves problemas para realizar os adestramentos”

O concelleiro do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal aproveitou o inicio da temporada deportiva 2025-2026 para instar ao goberno local do BNG a redactar o primeiro Plan Director de Instalacións Deportivas da cidade, coa finalidade de lograr unha distribución xusta e equilibrada dos equipamentos deportivos municipais.

O PP de Pontevedra considera que aplicar un regulamento de forma “obxectiva, clara e transparente” para repartir os espazos e horarios de uso das instalacións deportivas entre os clubs da cidade é o primeiro paso para abordar as numerosas melloras que demanda o deporte local dende hai moitos anos, fronte á desidia da concellería de Deportes dirixida no anterior mandato polo PSOE e, dende 2023, polo BNG.

“Unha nova temporada deportiva está a piques de comezar e, dende o partido máis votado da cidade, non imos fartarnos de defender os intereses de todos os clubs sen excepción e de esixirlle ao goberno de Lores un mellor trato para todos eles”, reivindicou Juncal.

O edil lamentou que, ano tras ano, a oposición do PP sexa a única que denuncia os problemas cos que teñen que lidar os clubs da cidade pola escaseza de instalacións deportivas municipais ou a dificultade de atopar as existentes en óptimas condicións: “Son poucas e están mal mantidas, o que xera graves problemas aos clubs para desenvolver os seus adestramentos e as súas actividades deportivas”.

A problemática agudízase ao descoñecer os criterios da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, para repartir os usos e os horarios das instalacións municipais. Neste sentido, engadiu que nin o Partido Popular nin os clubs coñecen se hai criterios obxectivos porque non se lles informou nin están publicados.

Finalmente, Juncal reclamou á nacionalista que faga efectiva a moción que rexeitou no 2023, na que o PP instaba ao goberno local a impulsar unha política deportiva xusta, sen improvisacións e cunha folla de ruta marcada no primeiro Plan Director de Instalacións Deportivas de Pontevedra.