O PP de Pontevedra defenderá unha moción para expresar o seu apoio á declaración do Ano Castelao

14 febrero, 2025

  • Domínguez destaca o “seu compromiso coa cultura, coa liberdade e coa xustiza social que o converteron nunha figura universal que merece ser lembrada e homenaxeada”
  • A iniciativa busca impulsar actividades culturais, educativas e divulgativas que poñan en valor a súa obra e pensamento durante o 2025

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra defenderá unha moción no pleno do luns para expresar o seu apoio á declaración do 2025 como Ano Castelao, co gallo da conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento e como mostra de gratitude a unha figura senlleira historia de Galicia.

O obxectivo da proposta é recoñecer e difundir o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como escritor, político, artista e pensador, promovendo actividades que acheguen a súa obra á cidadanía pontevedresa.

Neste sentido, o partido máis votado da cidade avoga pola organización de conferencias, exposicións, xornadas educativas, publicacións e outros actos conmemorativos que permitan resaltar a súa importancia e o seu impacto na cultura galega e española. 

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, destacou que “Castelao foi un referente fundamental na defensa da identidade galega e na loita polos dereitos e liberdades da nosa terra. O seu legado segue vivo e a nosa responsabilidade é dalo a coñecer e poñelo en valor. Coa declaración do Ano Castelao, que a Xunta de Galicia vén de declarar no 2025, buscamos que a súa obra chegue a novas xeracións e siga sendo un piar do noso compromiso coa cultura e a historia galega”.

A proposta dos populares subliña a necesidade de que as institucións públicas se impliquen na difusión do pensamento e da obra de Castelao, colaborando con entidades culturais, académicas e sociais para a organización de eventos conmemorativos.

Así mesmo, propoñen a posibilidade de establecer acordos con museos, universidades e asociacións culturais para a edición de libros, catálogos e material audiovisual que afonden na vida e na obra do polifacético rianxeiro.

O xefe da oposición confía en que esta iniciativa conte co respaldo do BNG e PSOE, para que sexa aprobada por unanimidade, e fai un chamamento á sociedade para que se sume a esta conmemoración.

“Máis alá das ideoloxías, Castelao representa a esencia de Galicia e dos galegos. O seu compromiso coa cultura, coa liberdade e coa xustiza social convérteno nunha figura universal que merece ser lembrada e homenaxeada”, concluíu.