O PP de Pontevedra esixe marquesiñas nas paradas da Parda e de Virxina Pereira para os usuarios do autobús

30 julio, 2026

  • Bea Rey recibe numerosas queixas dos veciños que agardan polo bus sen ningún tipo de protección fronte á chuvia ou as altas temperaturas
  • Os populares instan ao alcalde a atender esta petición e dotar ao barrio de marquesiñas para mellorar o benestar e a seguridade das familias, as persoas maiores ou os pacientes do centro de saúde

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Bea Rey reclamou este xoves a instalación de marquesiñas no barrio da Parda, concretamente nas tres paradas de autobús situadas na avenida Virxinia Pereira, tras denunciar que leva tempo xerando numerosas queixas entre os veciños e veciñas da zona.

A edil do PP sinalou que os usuarios do transporte público teñen que esperar o autobús sen ningún tipo de protección fronte á chuvia ou ás altas temperaturas, a pesar de tratarse dunha contorna na que se concentran importantes servizos públicos, como o centro de saúde da Parda, o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga ou a escola infantil.

“Son moitas as persoas que utilizan diariamente estas paradas para acudir ás súas citas médicas, levar aos seus fillos ao colexio ou desprazarse por motivos de traballo. Non é razoable que teñan que esperar ao autobús baixo o sol ou a chuvia porque o Concello se negue a instalar unhas marquesiñas”, lamentou Rey.

A concelleira considera “incomprensible” que unhas paradas situadas nun dos puntos con maior tránsito de usuarios do transporte público “carezan dun elemento tan básico, especialmente cando son empregadas por familias, persoas maiores e pacientes que acoden ao centro de saúde”.

“Non estamos a falar dunha gran infraestrutura nin dun investimento extraordinario. Estamos a reclamar un servizo básico que mellore o benestar e a seguridade das persoas que utilizan o transporte público con frecuencia”, engadiu a concelleira.

Por iso, lamentou que o Goberno municipal do BNG continúe ignorando unha demanda veciñal reiterada e permita que esta situación se prolongue sen ofrecer unha rápida solución.

Por último, o PP de Pontevedra instou ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a atender esta petición e dotar canto antes ás paradas da avenida Virxinia Pereira das correspondentes marquesiñas, dando resposta a unha necesidade evidente dos usuarios.