- “Os veciños trasládannos a súa preocupación pola falta de poda e mantemento das árbores, que están forzando a estrutura dos peches perimetrais, con ramas que están a invadir propiedades privadas”, asegura Crespo
- O Partido Popular considera “inadmisible que o goberno de Lores menosprece os acordos plenarios ao votar a favor da nosa moción para recuperar estes terreos de Monte Porreiro mentres permite o seu deterioro”
O Partido Popular de Pontevedra denunciou publicamente o incumprimento por parte do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores do convenio asinado o 26 de outubro de 2021 entre o Concello de Pontevedra e a UNED, polo que se acordaba a cesión e o mantemento dos 18.559 metros cadrados de zonas verdes no Centro Asociado de Monte Porreiro.
No seu momento, o Pleno da corporación municipal aprobou unha modificación de crédito por importe de 151.250,19 euros para facer efectiva esta actuación. Un incumprimento do goberno local do BNG que se puxo de manifesto no pleno ordinario de decembro de 2024, cando o PP defendeu unha moción para instar ao Concello de Pontevedra a cumprir os compromisos adquiridos co Centro Asociado da UNED en materia de conservación e mantemento dos xardíns, así como á execución de melloras destinadas a facilitar a súa apertura á cidadanía a comezos de 2002.
A concelleira popular Silvia Crespo defendeu os intereses dos veciños de Monte Porreiro ao sinalar que, a día de hoxe, ningunha das actuacións do acordo foi cumprida: “A realidade é un estado de abandono e desleixo total, cunha preocupante falta de limpeza e mantemento das zonas verdes que está a provocar múltiples molestias aos propietarios dos terreos que lindan coa Uned. Varios veciños nos trasladaron ao PP a súa preocupación pola falta de poda e mantemento das árbores, que están forzando a estrutura dos peches perimetrais, con ramas que están a invadir propiedades privadas, xerando situacións de risco e incomodidade”.
Dende o PP reclamouse en reiteradas ocasións, nas comisións de mobilidade e no Pleno, unha resposta seria e unha actuación inmediata para poñer en valor os xardíns da UNED. A edil popular considera “inadmisible que o BNG incumpra un convenio firmado coa Universidade hai xa catro anos e que menosprece os acordos plenarios, ao votar a favor da nosa moción para mellorar os terreos de Monte Porreiro mentres a veciñanza continúa a padecer as consecuencias da súa inacción”.
Por todo o exposto, o Partido Popular esixiu ao Concello de Pontevedra a urxente posta en marcha do acordo, e reclama responsabilidade e dilixencia na xestión dos espazos verdes da cidade que se están a deteriorar pola falta de vontade política dun “goberno de Lores en minoría, que está amortizado”.