- Os populares denuncian que, cinco anos despois de anunciar unha actuación duns 70.000 euros, as pistas continúan sen porterías, co peche deteriorado e sen a solución prometida para reducir as molestias acústicas
- Bea Rey reclama unha actuación inmediata ante a presenza reiterada de ratas nunha contorna situada xunto ao centro de saúde, unha escola infantil, unha residencia, o conservatorio e numerosas vivendas
O Partido Popular de Pontevedra denunciou unha vez máis o “lamentable estado” no que se atopa o parque de Maruxa Mallo, na Parda, e esixiu ao Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores que acometa dunha vez unha reforma integral deste espazo ante os problemas de mantemento, seguridade e salubridade que denuncian os veciños.
A concelleira do PP de Pontevedra Bea Rey, lembrou que xa en 2021 o Concello anunciou unha reforma do parque cun investimento duns 70.000 euros. O proxecto contemplaba, entre outras actuacións, a instalación dun novo valado para mellorar a seguridade do noiro e a substitución do peche da pista de fútbol por outro que funcionase como barreira acústica para reducir as molestias aos veciños.
“Pero, como sempre, a realidade anos despois é moi diferente. Ese proxecto nunca chegou a executarse como se prometera”, lamentou Rey.
Cinco anos despois, os populares denuncian que as pistas presentan un importante estado de deterioro e continúan sen porterías, mentres o peche perimetral permanece roto en diferentes puntos.
O pasado mes de xullo, o Concello adxudicou por 4.719 euros unha actuación para a subministración e instalación de porterías e a reparación do peche perimetral do campo. Máis dun mes despois, o PP denuncia que as porterías seguen sen instalarse e cuestiona que as actuacións realizadas ata o momento estean servindo para solucionar os problemas de fondo deste espazo.
“Gástanse cartos públicos en actuar sobre unhas vallas que continúan rotas e poden provocar que unha persoa, un neno ou incluso un animal se faga dano. Isto non é unha cuestión de estética, é unha cuestión de seguridade”, advertiu a concelleira popular.
Desde o PP lembran ademais que o Concello prometera un peche perimetral menos ruidoso, unha demanda especialmente importante pola proximidade das vivendas, pero aseguran que esta solución segue sen materializarse nos termos anunciados.
O deterioro das pistas non é, segundo os populares, o único problema do parque. Rey sinalou tamén o estado dun dos camiños interiores, “que se está desfacendo”, así como os traballos aínda pendentes de finalizar na zona de xogos infantís.
Neste sentido, a concelleira lembrou que a actuación sobre os xogos infantís chegou despois das reiteradas denuncias do Partido Popular polo estado no que se atopaban, tras rexistrarse accidentes de dous menores, un deles o dunha nena de catro anos que chegou a romper un brazo.
“Non podemos aceptar que un parque público utilizado diariamente por nenos e familias se atope nestas condicións”, incidiu Rey, que reclamou ao Concello que deixe de realizar actuacións puntuais e aborde de maneira definitiva os problemas do parque.
Á falta de mantemento e aos problemas de seguridade súmase, segundo o PP, unha situación “especialmente preocupante” relacionada coa salubridade da contorna.
Os populares aseguran que os veciños están denunciando de maneira reiterada a presenza de ratas no parque, unha situación que consideran especialmente grave tendo en conta que Maruxa Mallo se atopa xunto ao centro de saúde da Parda, unha escola infantil, unha residencia, o conservatorio e numerosas vivendas.
“Non se trata de ver unha rata de maneira puntual. Estamos falando dunha presenza reiterada que está xerando preocupación entre os veciños e que require unha actuación inmediata por parte do Concello”, advertiu Rey.
Por todo isto, o Partido Popular esixe ao Goberno do BNG de Lores que deixe de “poñer parches” e acometa dunha vez a reforma integral prometida para o parque de Maruxa Mallo.
“Os veciños non queren máis anuncios nin máis pintura para tapar problemas. Necesitan un parque seguro, digno, saudable e á altura das necesidades das familias da Parda. O goberno local de ten que actuar de inmediato”, concluíu Bea Rey.
