O PP visita o CEIP A Xunqueira I para esixir unha solución “definitiva” aos problemas de inundacións

18 noviembre, 2025

  • Os populares xa pediran en xullo de 2024 que se dotase ao colexio dun ascensor, que se solucionasen as deficiencias do centro escolar e se rematase co problema da auga que, este pasado venres, volveu inutilizar o patio e o comedor escolar
  • Otero: “As imaxes do patio convertido nunha lagoa, o comedor inutilizado, o pavillón anegado e o profesorado reorganizando aos rapaces noutros espazos é evitable se o Concello de Pontevedra cumpre dunha vez as súas obrigas de mantemento das instalacións”

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Aroa Otero visitou de novo o CEIP A Xunqueira I para reunirse co seu director, Manuel Blanco, e interesarse pola situación que están a vivir as familias do alumnado e o profesorado, despois de que o centro escolar volvese quedar anegado o pasado venres.

Otero subliñou que é “inadmisible” que o colexio se inunde cada vez que chove forte, e moito máis cando esa auga entra en espazos utilizados diariamente por escolares e profesorado que merecen seguridade e unhas instalacións en condicións. “As imaxes do patio convertido nunha lagoa, o comedor inutilizado, o pavillón anegado e o profesorado reorganizando aos rapaces noutros espazos é evitable se o Concello de Pontevedra cumpre dunha vez as súas obrigas de mantemento das instalacións”.

A edil popular lembrou que a zona na que o colexio está construído hai máis de 50 anos sofre un problema estrutural ao carecer dun sistema de drenaxe axeitado e o terreo non absorbe a auga, o que agrava o problema cando coincide a chuvia coa preamar: “Insto sábeo todo o mundo dende hai anos, e por iso resulta incomprensible que non se fixera nada”, recriminou.  

A concelleira foi categórica ao lembrar que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria é competencia exclusiva do Concello de Pontevedra: “A drenaxe do patio, o estado da contorna e o bo funcionamento das instalacións son responsabilidade municipal, non da Xunta de Galicia, como afirmou o concelleiro Demetrio Gómez no pleno de onte. É moi grave que o BNG tente desviar responsabilidades mentres continúa sen facer nada”.

Por outra banda, recordou que o PP de Pontevedra leva moito tempo advertindo da situación de indefensión na que se atopan no CEIP A Xunqueira I. No mes de xullo de 2024, varios concelleiros populares visitaron as instalacións para denunciar publicamente as deficiencias do centro, as pozas no patio, a falta de mantemento e a necesidade de actuar con urxencia. “Dixémolo daquela e repetímolo agora, se non fan o mantemento necesario, estas inundacións volverán ocorrer. Lamentablemente, o do venres foi un capítulo máis”.

Otero remarcou que “o máis preocupante non é a falta de xestión, senón a desprotección do alumnado” e engadiu que “non podemos aceptar que un comedor escolar se inunde nin que o alumnado teña que moverse entre charcos dentro do recinto. Non se pode normalizar”.

O PP de Pontevedra esixiu unha obra integral de drenaxe, seria e definitiva, na parcela do centro e na súa contorna, que o goberno local do BNG asuma as súas competencias e deixe de culpar á Xunta, e que esta actuación figure nos próximos orzamentos municipais, cun compromiso real de execución.

A concelleira concluíu asegurando que o PP seguirá “escoitando ás familias, falando coa comunidade educativa e defendendo ao CEIP Xunqueira I, mentres o Concello continúa sen actuar botando balóns fóra”.