- Rafa Domínguez, Pepa Pardo, Pablo Fernández, Bea Rey e Guille Juncal mantiveron un encontro cos hostaleiros que amosaron a súa insatisfacción co sistema implantado polo Concello de Pontevedra
- Os hostaleiros consideran que o Goberno de Lores está a acabar co ocio diurno e nocturno na zona vella da cidade
O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado de Pepa Pardo, Guille Juncal, Bea Rey e Pablo Fernández, mantivo esta tarde un encontro cos hostaleiros da Zona Monumental de Pontevedra. Na reunión participaron preto dunha vintena de hostaleiros, que amosaron o seu total rexeitamento ao sistema de recollida de lixo porta a porta que vén de implantar o Concello de Pontevedra.

Para os hostaleiros, o sistema é unha “imposición” en toda regra por parte do Gobernno de Lores, posto que non foron convocados a ningunha reunión nin se lles explicou en que consistía o sistema. Agora atópanse con que os horarios de recollida non son os máis axeitados e, sobre todo, recoñecen que é un sistema insalubre a toda vista.
Por unha parte, supón que teñan que ter varios contedores dentro do local que producen cheiros e que son tamén unha molestia para a clientela que está consumindo bebidas ou comidas. Tendo en conta que estamos a falar de locais do centro histórico son poucos os que dispoñen de almacéns nos que poidan gardar os contedores, que non cumpren coas expectativas dos hostaleiros posto que teñen que empregar os seus propios e despois baleirar de novo o contido nos aportados polo Concello.
“A execución é penosa”, “no verán vai ser insalubre totalmente” “é contradictorio”, “fannos duplicar esforzos”,… son algunhas das frases máis empregadas polos hostaleiros, que recoñecen que non foron convocados polo Concello para falar deste sistema e non os tiveron en conta.
O portavoz popular, Rafa Domínguez, indicou que non é aceptable a imposición deste sistema nun sector tan importante como o da hostalería. “E menos que vos amenacen con sancións. É un sistema que non funciona e teñen que suspender de inmediato”. Domínguez quixo agradecer a importante labor que realizan os locais de hostalería do centro histórico, como dinamizadores da cidade, do ocio diurno e nocturno e lamentou que o Goberno de Lores non os teña en conta.
