- Dóeme ver como a diario Pontevedra perde centros de toma de decisións. Estou seguro, aínda que non será fácil, de que podemos levar a cabo as reformas necesarias para xerar un cambio de tendencia en Pontevedra”, asegurou o candidato á alcaldía da cidade
- Alfonso Rueda: “Nestes catro anos Rafa Domínguez non fixo máis que mellorar, escoitar, aprender, facer unha oposición útil e agora chegou o seu momento”
- Referíndose de xeito especifico ao futuro de Ence, o presidente do PPdeG asegurou que non se trata só do futuro dunha empresa: “Son centos de familia, é a potencia industrial de Pontevedra e unha das últimas oportunidades para ter un tecido industrial potente. Pontevedra non se pode permitir dar ese paso atrás e converterse nunha illa que non quere empresas”
O candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe ante o empresariado pontevedrés e acompañado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, as propostas e ferramentas que porá en marcha nos seus primeiros 100 días como alcalde “para reverter a perda de importancia e influencia de Pontevedra”.
Rafa Domínguez fixo un diagnóstico económico valéndose de diferentes datos da cidade. Comezando polo feito de que, en canto ao desemprego, Pontevedra lidera o paro en tres de cada catro trimestres: “O triste é que encabezamos o desemprego feminino e o xuvenil. Somos os campións do paro”. Ademais, a cidade é a vila galega con menor número de creación de empresas: “Pontevedra estase a converter nunha cidade dormitorio. Somos a cidade de onde máis xente marcha para traballar e estudiar”.
Logo da análise, Domínguez avanzou as propostas que porá en marcha nos seus 100 primeiros días como alcalde. O primeiro, un novo PXOM, xa que o actual data de 1989: “Vemos como moitos proxecto acumulan retrasos e dificultan enormemente que novas inversións cheguen a cidade. Ademais, iniciaremos os trámites necesarios para modificar o Peprica”.
Nesta liña, nos primeiros 100 días, Domínguez iniciará tamén todas as medidas organizativas, xurídicas e administrativas para que as licenzas municipais déanse en tempo e forma. “Conseguir unha licenza en tempo e forma é absolutamente imposible. Organizaremos os servicios técnicos e crearemos unha oficina especifica, dotada de recursos suficientes, para a súa concesión”, avanzou o popular.
En relación a isto, engadiu que incorporará o uso das ECCOM, entidades certificadores de conformidade municipal, “o que permitirá que as obras se inicien o día seguinte da súa presentación”.
Outro proposta, xa tratada polos populares, é a solicitude de gratuidade do tramo de autopista AP-9 entre Pontevedra e Barro. “Entendemos que esta medida melloraría enormemente a competitividade e produtividade das nosas empresas”, destacou. En paralelo, Domínguez creará aparcamentos disuasorios ben comunicados e mellorará as liñas públicas de transporte.
Sobre impostos, o presidente local reducirá o IBI urbano do 0,64 ao 0,6: “Abriremos diversos tipos de subvencións por un importe 1,6 millóns de euros, nun plan global anual que permitirá non só emprender, senón tamén mellorar a eficiencia enerxética, innovar e adecuar as instalacións”.
Noutro orde, Domínguez avanzou diferentes ferramentas económicas que poñerá en marcha ca súa chegada á alcaldía: programas de turismo, de atracción de empresas, creación dun hub tecnolóxico, atracción de nómades dixitais, a ampliación e mellora do solo industrial, abrir Pontevedra á ría, creación de instalacións deportivas, reforzo dos servicios sociais e creación dun novo espazo socio-sanitario, entre outros.
“Dóeme ver como a diario Pontevedra perde centros de toma de decisións. Estou seguro, aínda que non será fácil, de que podemos levar a cabo as reformas necesarias para xerar un cambio de tendencia en Pontevedra”, resumiu o popular.
ALFONSO RUEDA: “SE A ECONOMÍA NON VAI BEN, NON HAI FUTURO”
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de inaugurar este almorzo económico e fíxoo poñendo en valor que o tecido empresarial é “necesario e imprescindible” na medida en que “crea riqueza, dá traballo e se esforza día a día por mellorar”.
“O que deben facer as administracións é axudar e apoiar ao tecido empresarial e nunca estorbar. Porque a economía é fundamental e non a moven as administracións, senón a xente”, afirmou.
Alfonso Rueda reivindicou ao PP de Pontevedra como “un partido que aspira a gobernar para colocar esta cidade fóra de ideoloxías e condicionantes que non sexan intentar mellorar” e ao seu candidato, Rafa Domínguez, como “un médico que se complicou a vida meténdose en política e que só quere facer as cousas ben”.
Recordando as últimas eleccións municipais, o líder dos populares galegos puxo en valor “o moi bo resultado en Pontevedra nun momento no que o PP tiña as cousas moi difíciles” e mostrouse convencido de que o resultado será aínda mellor o 28 de maio: “Nestes catro anos Rafa Domínguez non fixo máis que mellorar, escoitar, aprender, facer unha oposición útil e agora chegou o seu momento”.
“A Pontevedra fáltanlle moitas cousas e está perdendo moitos trens nun momento no que hai tantas oportunidades para aproveitar. Porque é un erro vivir sempre do mesmo, repetir sempre o mesmo e non mirar cara a adiante mentres outros aproveitan as oportunidades que aquí se deixan escapar por incapacidade ou por inercia. Pero aínda está da nosa man reverter esta situación”, remarcou.
“Faremos todo o posible para que, pase o que pase, Pontevedra siga tendo futuro e por suposto futuro económico”, concluíu o presidente do PPdeG antes de referirse novamente a Rafa Domínguez: “Despois de tantos anos, chega o momento de escoitar a quen ten ideas novas”.