Rafa Domínguez invita a sumarse ao proxecto do PP de Pontevedra como a única alternativa gañadora fronte á “desidia e a perda continua de oportunidades” do BNG

Pincho Navidad PP de Pontevedra
13 diciembre, 2025

Hoxe, no pincho de Nadal organizado polo partido local e no que tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López

Rafa Domínguez invita a sumarse ao proxecto do PP de Pontevedra como a única alternativa gañadora fronte á “desidia e a perda continua de oportunidades” do BNG

  • O presidente do PP de Pontevedra quere liderar o crecemento dunha cidade moderna, ambiciosa, xestionada de forma áxil e responsable, e que deixe atrás o conformismo dun goberno do século XX
  • Paula Prado: “Fronte aos do ‘non’ a todo, Pontevedra poderá seguir contando cun Goberno galego presidido por un pontevedrés e que sempre dirá ‘si’ ao futuro da súa cidade”
  • Luis López asegura que “Rafa vai ser o mellor alcalde de Pontevedra, é a única e a necesaria alternativa a unha Pontevedra conformista, que perdeu ambición”

O presidente do Partido Popular na cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez, trasladou este venres o seu profundo agradecemento aos afiliados da formación local que colaboran estreitamente co seu proxecto e as súas propostas de futuro como “a única alternativa gañadora fronte á desidia e a perda continua de oportunidades” do goberno nacionalista da cidade do Lérez.

Domínguez abriu a quenda de intervencións, acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo presidente provincial do PP da provincia de Pontevedra, Luis López; para poñer en valor o bo traballo que están a facer os 11 concelleiros do partido con máis respaldo da corporación municipal e animalos a continuar “con máis forza e ganas que nunca, a carón dos veciños e das veciñas”, para acadar a maioría absoluta nas eleccións municipais de 2027 e liderar o crecemento dunha cidade moderna que precisa dunha “xestión responsable e áxil, honesta, ambiciosa e que aproveite todas as oportunidades que se están deixando pasar pola desidia e o conformismo do BNG”.

O líder dos populares na cidade aproveitou o encontro cos seus para fixarse no modelo funcional da Galicia Calidade de Alfonso Rueda que, ademais de aprobar os Orzamentos en tempo e forma, garanten o remate das obras do Novo Montecelo, a expansión do parque público de vivendas, o futuro Centro de Alto Rendemento deportivo de Galicia (CAR), o dragado do Lérez, o proxecto para poñer fin ás inundacións en Fernando Olmedo ou investimentos en parroquias como Ponte Sampaio, coa posta en valor da súa ponte medieval.

Así mesmo, fronte aos ataques da esquerda, referiuse á súa capacidade de gobernar unha administración tras dous anos e medio como vicepresidente da Deputación provincial: “Desde que chegamos ao Museo de Pontevedra fixámonos o obxectivo de darlle un empuxón coa designación de Ángeles Tilve como nova directora, recuperamos a Bienal despois de 15 anos de ausencia, tivemos o privilexio de ser sede do IV Encuentro de Museología del ICOM-España e concedéusenos a Medalla de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes”, destacou.

A fuga de votos do BNG e o aumento sostido do PP na cidade de Pontevedra “non me van descentrar dunha folla de ruta na que temos moito por facer, moitos obxectivos por cumprir, para mellorar a vida dos pontevedreses e das pontevedresas que piden avanzar e deixar atrás un goberno do século pasado, que nega os problemas actuais e que segue na cerrazón do pasado”, concluíu. 

PRADO: “O GOBERNO GALEGO APOSTA CON FEITOS POR PONTEVEDRA”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quixo recoñecer o traballo de Rafa Domínguez e do seu equipo “facendo fronte ao independentismo máis radical” do BNG. De feito, segundo asegurou, en Pontevedra “saben ben ao que nos referimos cando dicimos que é o partido do ‘non’, en referencia a todas as oportunidades de futuro para a cidade que se desbotan por ‘sectarismo’”.

Fronte aos do ‘non’ a todo, Pontevedra poderá seguir contando cun Goberno galego presidido por un pontevedrés e que sempre dirá ‘si’ ao futuro da súa cidade”, afirmou ao tempo que poñía en valor a estabilidade que permite a Galicia aprobar ano a ano os seus Orzamentos e, a través deles, aportar solucións a problemas como o da vivenda. De feito, reiterou a invitación a Ana Pontón para que visite as obras das novas vivendas de Valdecorvos e comprobe de primeira man que “fronte aos bulos da oposición, o Goberno galego aposta con feitos por Pontevedra”.

LÓPEZ DESTACA A UNIDADE E O COMPROMISO DA FORMACIÓN LOCAL PARA ACADAR O OBXECTIVO DA MAIORÍA ABSOLUTA   

Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, destacou que un ano máis o pincho de Nadal de Pontevedra reúne a centos de afiliados dunha das agrupacións máis fortes da provincia, da forza política preferida pola cidade.

“Ningún partido desta cidade é capaz de convocar a tanta xente como facedes vós esta noite. Penso que estas xuntanzas son moi boas, xa que serven para que compartamos uns intres nestas datas festivas e sobre todo para amosar a unidade e compromiso do noso partido, algo fundamental sempre, porque unidos traballaremos moito mellor, e acadaremos os nosos obxectivos”, indicou Luis López.

O presidente popular fixo especial fincapé no magnífico traballo que está levando a cabo o presidente local, Rafa Domínguez, tanto a cargo do partido na cidade, como na vicepresidencia da Deputación. “Rafa vai ser o mellor alcalde de Pontevedra, é a única e a necesaria alternativa a unha Pontevedra conformista, que perdeu ambición”, concluíu.