Rey demanda ao Concello de Pontevedra que lidere con determinación a mellora da praza da capela de San Amaro

15 abril, 2025

  • A concelleira popular reclama un proxecto de recuperación e posta en valor que inclúa a instalación de mobiliario urbano, a mellora da iluminación e a protección do cruceiro para mellorar a seguridade e garantir a súa conservación
  • O PP considera que A Parda é un dos barrios máis esquecidos por parte do Goberno local do BNG

A poucos días da celebración do pleno ordinario de abril, a concelleira do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra Beatriz Rey presentou unha moción para demandar ao Goberno local que lidere a mellora da praza da capela de San Amaro.

“Atendemos a demanda dos veciños porque falamos dun espazo que é moito máis ca unha simple praza. É un lugar de encontro, de convivencia, e un símbolo de identidade do barrio da Parda. A súa relevancia histórica e cultural merece o recoñecemento e o compromiso firme por parte do Concello e de toda a corporación municipal”, afirmou a edil do PP.

Lamentablemente, a situación actual da praza é noticia cada certo tempo polos danos ocasionados no cruceiro debido a pequenos accidentes de tráfico. Un cruceiro que, hoxe en día, segue valado, e como di a concelleira, “á espera dunha intervención que non pode demorarse máis”.

Tras atender a demanda dos veciños de San Amaro, Rey reclamou un proxecto integral de recuperación e posta en valor deste espazo, que inclúa a instalación de mobiliario urbano, a mellora da iluminación e, sobre todo, a protección do cruceiro para garantir tanto a seguridade como a conservación do patrimonio.

“San Amaro merece unha praza á altura da súa historia e da súa xente. É hora de actuar para mellorar un dos barrios máis esquecidos por parte do Goberno local do BNG, como é A Parda”, concluíu a concelleira do partido máis votado da cidade.