● O presidente do PPdeG pon en valor que, fronte ao contexto nacional, Galicia siga sendo unha illa de estabilidade que permite aos concellos da provincia sacar adiante os seus obxectivos
● Luis López convida aos militantes a “traballar coma nunca” no 2024 para que o presidente acade a súa primeira maioría absoluta e siga así apoiando os intereses dos seus veciños pontevedreses
● Rafa Domínguez agradece a xenerosidade do líder do PPdeG coa súa urbe e a confianza que ten depositada nel
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, contrapuxo hoxe a falta de aposta do Goberno central por Pontevedra co apoio que a cidade recibe, ano tras ano, por parte da Xunta. Neste sentido, destacou que os Orzamentos autonómicos para o 2024 recollen un investimento que supera os 90 millóns de euros para a Boa Vila.
Así mesmo, o presidente do PPdeG puxo en valor que, fronte ao contexto nacional, a nosa Comunidade siga a ser unha illa de estabilidade que permite aos concellos coma Pontevedra sacar adiante os seus obxectivos.
Acompañado polo presidente provincial, Luis López, e o presidente local, Rafa Domínguez, trasladou aos asistentes á Xunta Local do PP de Pontevedra celebrada este luns o seu compromiso de seguir defendendo a cidade desde o Goberno galego e, ao mesmo tempo, defendela fronte a Pedro Sánchez e o socialismo, así como ante o independentismo.
Así mesmo, aproveitou o encontro para felicitar a Rafa Domínguez e o seu equipo polos bos resultados acadados o pasado 28 de maio, gañando as eleccións municipais en Pontevedra, o que axudou a que o PP recuperase a Deputación de Pontevedra tras “oito anos escuros” e “de sectarismo” do goberno socialista e nacionalista.
Quixo tamén coñecer de preto os proxectos de futuro que ten en marcha a Deputación, que vén de aprobar o seu maior orzamento na historia, e o grupo municipal, que lidera unha oposición responsable e representativa do enfado xeneralizado da poboación cun goberno en minoría e afastado da realidade, como quedou demostrado no pleno da corporación municipal desta mesma mañá.
“TRABALLAR POLA PRIMEIRA MAIORÍA DO PRESIDENTE RUEDA”
Pola súa banda, Luis López destacou o “magnífico traballo” da agrupación municipal, liderada por Domínguez e a importancia deste primeiro ano de lexislatura. De cara ao 2024, convidou aos militantes a “traballar coma nunca” para que o presidente Rueda acade a maioría absoluta que precisa e siga así defendendo os intereses dos seus veciños pontevedreses desde a Xunta.
Mentres, Rafa Domínguez agradeceu a xenerosidade do presidente Rueda coa súa cidade e a confianza que ten depositada nel, xunto a López, para representar os intereses de Pontevedra na Administración provincial. O presidente local destacou tamén a implicación dos militantes que lle trasladan o seu optimismo para esta nova etapa de maior responsabilidade, pero coa mesma humildade e rigor para escoitar a todos os veciños.